|

/

Visita Interpretativa ao Castrillón e cata e picnic nunha cova

Visita Interpretativa ao Castrillón e cata e picnic nunha cova

Dificultade Fácil •

Todas as fotos

10,8km

Distancia

3h

Tempo estimado

Percorrido lineal – Castro de O Castrillón – Seadur

Visita interpretativa ao Castrillón e rematar en Seadur nas Covas. 

Esta ruta combina arqueoloxía, historia e paisaxe, ofrecendo unha experiencia completa para coñecer dous dos enclaves máis singulares de Larouco: o Castro de O Castrillón e as tradicionais Covas de Seadur.

A ruta comeza no Castro de O Castrillón, un xacemento arqueolóxico prerromano de máis de 2.000 anos, situado nun outeiro estratéxico entre os ríos Bibei e Xares. O seu sistema defensivo de foxos, a súa posición elevada e os recentes descubrimentos, como unha cabaña rupestre, un fragmento de carbón datado na Segunda Idade do Ferro e o sorprendente enterramento infantil atopado en 2021, converten este lugar nun punto clave para comprender a cultura castrexa en Valdeorras.

O percorrido permite interpretar a súa estrutura, a vida das súas antigas comunidades e o contexto natural no que se asentaron, un entorno protexido pola Rede Natura que ofrece panorámicas destacadas de todo o territorio.

Despois da visita ao castro, a ruta continúa en dirección a Seadur, atravesando un paisaxe marcado polos viñedos, pola tradición vitivinícola e pola presenza de antigos elementos agrícolas como os lagares rupestres. Este camiño pon de manifesto a continuidade histórica entre o pasado castrexo, a romanización posterior e o papel central da viticultura na identidade de Larouco.

O itinerario remata nas Covas de Seadur, construcións tradicionais escavadas na rocha ou semisoterradas, utilizadas historicamente como espazos de elaboración e conservación do viño. Este conxunto etnográfico, único no territorio, permite comprender mellor a relación entre as comunidades locais e a produción de viño, actividade profundamente enraizada na zona desde tempos remotos.

O visitante poderá explorar estas covas, admirar a súa arquitectura popular e mergullarse nun ambiente que respira cultura vitivinícola, tradición e autenticidade.

Esta etapa discorre por unha paraxe de gran beleza, conectando a historia de Larouco coa singularidade das adegas de Seadur. O percorrido destaca polo seu perfil suave, ideal para gozar da paisaxe de Valdeorras.

Cronograma da Actividade

  • 09:30 h: Saída/Encontro no Barco de Valdeorras. (Praza do Concello)
  • 10:00 h: Inicio da actividade en Larouco.
  • 13:00 h: Chegada a Seadur tras a andaina.
  • 13:15 h: Visita a unha cova tradicional e tempo para o picnic
  • 14.00h: Regreso a O Barco

Datos Técnicos da Ruta

  • Distancia: 10,8 km.
  • Desnivel positivo (↑): 225 m.
  • Desnivel negativo (↓): 278 m.
  • Dificultade: Moderada-baixa.

Actividade Final: Picnic nunha “Cova”

Ao finalizar a andaina, mergullarémonos na cultura local visitando unha das tradicionais “covas” (adegas subterráneas excavadas na terra). Para poñer o broche de ouro á xornada, realizaremos un picnic que terá lugar na propia “cova” ou, dependendo da dispoñibilidade, na Rectoral de Seadur.

Que inclúe a inscrición?

O número máximo de prazas está limitado a 19 participantes para garantir a calidade da experiencia. O prezo inclúe:

  • Transporte: Microbús de 20 prazas con saída desde O Barco ata Larouco (inicio) e regreso desde Seadur ata O Barco (fin).
  • Guía especializado: Acompañamento profesional durante todo o traxecto.
  • Seguridade: Seguros de Responsabilidade Civil (RC) e de Accidentes incluídos.
  • Picnic: Xantar ao aire libre ou en espazo singular ao remate da ruta.

Día de realización

19 de abril

Precio

20 € (Gratuita para os que estén aloxados nun aloxamento do Xeodestino Trevinca-Valdeorras)
Reserva e pago
https://www.conocegalicia.es/

Punto de encontro

Larouco
Recomendación de vestimenta

Roupa deportiva e cómoda

Ecoexperiencia
Viñas de Seadur

Lugares de interese

Miradoiro da Antiga

Seadur

Castro de O Castrillón

Larouco